viernes, 12 de febrero de 2021

SEN VÍA DE ESCAPE

Son as tres e cinco da tarde e estou encerrado entre catro paredes de cor branca. Atópome sen vía de escape para alcanzar a liberdade. Non hai ventás, non hai portas, tan só unha lumieira pola que entra a luz do sol polo día e a luz da lúa e das estrelas pola noite. Dáme que estou prisioneiro incluso dos meus soños. Porque por moito que quero soñar esperto non alcanzo a ver máis alá desa brancura que me cega os ollos. Sen vía de escape para alcanzar o que queira. Así é que me poño a berrar.


Berro pola distancia que vai desde este cuarto ata un corazón que bombea sentimentos desde un balcón colgado no espazo e no tempo. Berro para que rachen esas cadeas que non teño pero que me minguan a liberdade. Berro polo que fun e polo que son. Non podo berrar polo que serei porque estou sen vía de escape para un futuro que non coñezo. Claro que, quen coñece o futuro?

Arrecúnchome, engrúñome no recanto máis afastado do cuarto e cuspo sobre as catro paredes que me atenazan, que me torturan, que me angustian. Deixo escapar un salaio e volvo berrar de impotencia. Berro aínda que sei xa que ninguén me vai oír. Pero é igual. Berro con forza. Berro cun berro seco. Berro cun berro esgazado. Berro por ese verso que se bambea porque non consegue acoplarse ó poema. Canso de berrar quedo en silencio e asimilo, con carraxe, iso si, que estou sen unha vía de escape para optar ós confíns do universo. En principio, vou voar sobre as ás dunha rula ou agarrado ó mastro da Perla Negra.


Finca Fierro. Venres, 12 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario