miércoles, 24 de febrero de 2021

MANIPULADOR DE INCAUTOS

Non me convencen. A min as milagres de Xesucristo non me convencen moito. Non hai dereito, non vexo ben que resucitase tan só a Lázaro. Como quedarían as outras familias con mortes nos seus fogares? Por que a eses non os resucitou. Con este detalle dáme a impresión de que o melenas foi o primeiro cacique sobre a terra. Aí houbo enchufismo! Ninguén mo pode negar. Por que Lázaro si e os demais non?


Tampouco me cadra o de poñer a outro meixela. A quen se lle ocorre recomendar iso. Nin el mesmo cumpriu co se dito, cando expulsou ós mercadores do templo cun látego de varias cordas. Cun látego! O noso señor Xesucristo! Si, moita labia, pero á hora da verdade, dálle que dálle. Ademais, quen é o chulo que despois dunhas labazadas se atreve a seguir en plan masoquista: dáme máis, dáme máis. Veña, Cristo, que no século XXI non somos parvos. O mesmiño que o da transubstanciación, converter o seu corpo en pan e o seu sangue en viño. Onde se viu outra! Como multiplicar os pans e os peixes. E o panadeiro de Cartelle, que, ó paro? Hai que ter un pouquiño de cabeciña. Ó mellor pensaba que eramos uns paspáns e que o creriamos todo.

Andar sobre as augas. Mira que non crucei eu o Arnoia, á altura da Pitediña, cando ía coas vacas para o monte de Pinouzos e como non me arremangase ata os xeonllos, poríame coma un divino Cristo. Ata cheguei a rezar, a ver se andaba sobre elas. Que va. É normal que non me convenzan entón as súas milagres. O tipiño era un manipulador de incautos.


Finca Fierro. Mércores, 24 de febreiro de 2021

 

1 comentario: