viernes, 26 de febrero de 2021

LIÑAS DE MARMAÑEIRA

Nove en punto da noite. A noite xa é pecha, escura, silenciosa. Tan só o jazz de John Coltrane entra polos meus oídos. O móbil está cargando, o ordenador acendido, os papeis esparexidos pola mesa e, polo demais, o tempo pasa e quizais todo cambie. É unha noite coma outra calquera; na que teño que esperar a que chegue a correspondente película televisiva, deixando caer unhas pingas de orballo para que mollen, ou máis ben, para que refresquen este intervalo de tempo. Se non mollo este tempo, se non o refresco todo se volve monótono, aburrido.


Unha bombilla aluma a cociña. Hai silencio fóra dos meus oídos. Nestes segue, agora mesmo, un piano no jazz de John Coltrane. Noutros momentos é o saxo o que se fai dono e señor do álbum musical. Non podo mover o pescozo bruscamente porque algo quere estralar aí. Non sei, coma se tivera unha desas posturas que doen. Ó mellor colleume un aire. Sábese que hai aires criminais, traidores e con mala uva.

Vedes como vai cambiando o jazz de Coltrane? Agora é a batería a que penetra cun ritmo tranquilo e moi bonito polos meus oídos. Mentres escoito e penso, dáseme por mirar os tres dicionarios que teño sobre a mesa: de menor a maior, en volume. Podía mirar ó revés, pero non; fíxeno desa maneira: de menor a maior. De menor a maior foi o tempo que empreguei deixando caer estas liñas de orballo ou de marmañeira. Empecei coa primeira e rematarei coa derradeira. Explícome ou non me explico? Son as nove e dez da noite.


Finca Fierro. Venres, 26 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario