sábado, 20 de febrero de 2021

GRITA LIBERDADE

Grita liberdade porque estás preso ou porque te manteñen coa boca pechada ou porque non te deixan mirar ou porque non te deixan sentir. Grita liberdade porque tes dereito a berrar. Eu berro polos oprimidos e bramo polos que andan coa cabeza gacha. Ás veces tamén berro por berrar. E pola liberdade tamén gritarei sempre. Desde o alto da Lomba ou desde o alto dos Castros. Desde a beira do mar ou desde o regato dun val. Grito liberdade porque non quero estar pexado.


Grita liberdade para que te escoiten polos catro puntos cardinais. Grita liberdade para que saiban que aínda aniña en ti a conciencia. Esa conciencia que te leva polas corredoiras da vida. Berra ante un caderno en branco para que caia sobre el o cuspe da verdade, que, co tempo, alguén lerá e saberá o que custa loitar, o que custa a liberdade; con moitas derrotas antes. Eu esgazo a gorxa polo neno maltratado e polo animal acosado. E quero berrar con máis forza e máis alto. Berrar desde o alto dun carballo e desde o campanario da igrexa de Baños de Molgas.

Berra ti pola liberdade dos tempos e dos pensamentos. Lembra que estes están moitas veces presos. Grita por eses soños que non queren que botemos a voar. Mira que soñar e voar é moi bonito. Grita liberdade polos que non están, polos que intentamos ser algo e polos que vivirán co puño en alto. Grita liberdade polo tempo que se vai, polo tempo que vivimos e polo tempo que virá. Grita liberdade polas bolboretas do meu estómago.


Finca Fierro. Sábado, 20 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario