lunes, 8 de febrero de 2021

OLLOS NEGROS

A película italiana “Ollos negros” é unha obra mestra dirixida polo moscovita Nikita Mikhalkov. Pero ollos negros tamén son os dunha vaca leiteira e os da muller do ferreiro. Ollos negros son traidores, dicía a canción. Ollos negros ata poden ser os azuis e os verdes cando é de noite. Os marróns, cando asoma o luscofusco. Os ollos negros miran igual que os de calquera outra cor. Tamén se pechan e non podemos saber de que cor son. Hai xente que cos ollos negros e abertos soña de igual maneira. Hai xente que cos ollos negros e pechados dorme ou fai que dorme.


Os meus ollos negros miran para un listado de cancións, atopa a que lle gusta e búscaa no Youtube para escoitala. Agora mesmo non sei de que cor son os meus ollos. Creo que negros. Ó mellor son marróns. Verdes e azuis non porque iso destaca moito e na miña cara tan só sobresae o puto acne que me atacou na xuventude. Ollos negros son os daquela muller que me mira ou que penso eu que me mira. Ó mellor está mirando moito máis alá de min. Ó mellor deixa a ollada perdida e penso eu que me mira. O quero eu que me mire. Os desexos ás veces tamén son traidores, coma os ollos negros.

En “Ollos negros”, o arquitecto e inmenso Marcello Mastroianni cóntalle a un ruso a historia de amor que mantivo cunha compatriota súa, a gran Yelena Safonova. Aquí, neste pingas tan só se contan chafalladas relacionadas cos ollos negros, porque ó ver o título da película, deume por aí. A outros dáselle por quedar quietos, e tampouco pasa nada. Acabo de verme no espello: teño os ollos negros.


Finca Fierro. Luns, 8 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario