jueves, 25 de febrero de 2021

O PODER DO PERDÓN

Pedir perdón é tan fácil. Chega cunha palabra. Perdón. E xa está. Cometes un erro. Perdón. Matas a alguén. Perdón. Despois tamén temos aquel retrouso que diciamos moito de rapaces: Perdón, perdón polo gato do tío Ramón, por ti si e por min non. O poder do perdón é coma unha balsa nun mar en calma. Pides perdón e quedas coma os anxos. O mal que fixeches que o parta un raio. Tamén é verdade que a moito lles custa un mundo, unha barbaridade pedir perdón. Aínda non coñezo ningún político que pedira perdón. Cando teñen que facelo sáense pola tanxente, poñen de escusa calquera asunto ou fan comparacións con tal persoa ou tal país.


O poder do perdón é infinito. Pides perdón, ás veces, por unha simple mirada. Certo que hai miradas que matan. Pides perdón por unha palabra mal escrita. Porque alguén pensa que está mal escrita, cando, ó mellor, na realidade, se escribiu con toda a intención. Por veces deixamos caer ideas ou pareceres para saber tan só como reacciona a xente. Se vemos que se asimilan ben, tiramos para adiante. Se vemos que o barullo se fai dono e señor do instante, botamos man inmediatamente da palabra en cuestión: perdón. Xa está. Xa se calmaron as augas. Esperamos uns minutos, uns días e volvemos á carga. Porque como é tan fácil pedir perdón, pedímolo as veces que faga falta. Pedir perdón non custa nada; tan só a pronunciación dunha palabra: perdón. E como non quero ser menos: perdón. Perdón pola disertación, polo sermón do perdón. O poder do perdón é impresionante.


Finca Fierro. Xoves, 25 de febreiro de 2021

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario