sábado, 19 de marzo de 2022

A ESPIÑA NO CORPO

Todas as décadas, máis ou menos, teñen o seu aquel, aquel asunto, aquel evento, aquela actuación, aquela, por que non, guerra que se lembrará no futuro dos tempos. Esta década do 2020, en principio, non se queda atrás. É máis, ata poida que, por agora, ou polo menos na miña lembranza, quizais sexa a peor. Non saímos dunha pandemia cando estamos case metidos nunha guerra. Non saímos dunha calamidade cando estamos xa dentro dunha hecatombe, chamémoslle, alimentaria. Entre o virus, o Putin, a carestía da vida e a folga dos transportistas empezan a meter a espiña no corpo, empezan a facernos as pascuas.


O virus semella que, pouco a pouco, estamos a vencelo, aínda que, o maldito, resiste de carallo. (Que ganiñas teño de sacar este bozo que empezo a odiar). O Putin... O Putin é ese cabalo de batalla (non o de Juan Pardo) que quere parecerse a aquel Atila que, por onde pasaba o seu cabalo... xa sabedes. A carestía da vida son eses días, meses, mesmo anos nos que se ten unha soga atada ó pescozo que a causa de tirar e tirar acaba por afogar. Moitos, por desgraza, xa afogan desde o primeiro momento. E a folga dos transportistas (que teñen toda a razón do mundo) déixanos a imaxe de estantes e estantes baleiros nos supermercados, moitos máis incluso que os que quedaron naquela loucura dos primeiros días da pandemia do Covid-19.


Ante a carestía da vida e a folga dos transportistas, o Goberno colleu vacacións anticipadas porque seica ata o día 29, non están dispoñibles, seguen ociosos. Como debe ser! O cidadán de a pé que labre as leiras, que algo sairá delas.

A guerra de Putin, esa si que é o peor, pois aínda que o virus segue matando (á baixa, grazas a Deus), as bombas e os mísiles dese cabalo de batalla empezan a cobrar xa demasiadas vítimas e a deixar sen fogar a milleiros de ucraínos, a maiores daqueles miles e miles de refuxiados que, por sorte (ou por desgraza) se teñen que espallar, principalmente, por Europa adiante. Adeus ós seus fogares, ó seu país, ás súas vidas.

Esta década está deixando pegada, demasiada pegada; e iso que tan só levamos dous anos e algo con ela. E quedan para o esquecemento esas guerras e calamidades que acontecen no terceiro mundo, que, non contan, precisamente por iso, por ser do terceiro mundo.


Finca Fierro. Sábado, 19 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario