domingo, 13 de marzo de 2022

UN MÁSTER HOSPITALARIO

Xusto cando levaba a cunca do café á boca, entrou unha muller na cafetaría e na forma en que o fixo notábaselle que viña acendida, que a carraxe lle subía polas veas coma cabalo de batalla de Juan Pardo. Non tardou dous segundos en soltarlle á camareira (víase que a coñecía e que mesmo tiña confianza con ela) unha sentenza bastante orixinal: “Hai que facer un máster para saber andar polo Hospital ou a Residencia”.


Quedei coa cunca a medio camiño e deixei escapar un sorriso porque eu mesmo dou fe desa sentenza. Acababa de acontecerme algo semellante. Paciente na 5ª planta da Residencia Sanitaria, na Materno Infantil. Na habitación, o típico aviso de que se informaba ós familiares da evolución dos pacientes á unha e media e na mesma sala de espera (polo da pandemia), que, neste caso, debía ser no propio vestíbulo dos ascensores.

Cando chegou o momento déuseme por comentarlle a unha ATS que andaba por alí que o da sala de espera sería alí, fóra, xunto ós ascensores. Estrañouse e ó saber que paciente era... que nada, que tal información era, si, na 5ª planta pero da Residencia Nova. Imaxino que unhas comunicarán con outras por algún corredor interior, pero como as sinalizacións brillan pola súa ausencia, ale, a saír para fóra, dar a volta e ir á Nova. Nesta tamén houbo que dar algún que outro garbeo (por carecer dese máster que dicía a muller) ata atinar co despacho no que informaban. Que non era á unha e media, senón ás dúas. E que tales dúas volvéronse as dúas e vinte, que foi cando chegou por fin a médica. Por que non informan na propia Materno Infantil?


Café Sports Century. A Valenzá. Domingo, 13 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario