martes, 22 de marzo de 2022

ESPERANDO POR TINA TURNER

Son o Genaro, o fillo da Carracha, e gústame a Tina Turner. A Tina Turner é negra e eu son branco. Pero non son racista. Aínda que algúns xa estarán pensando que polo mero feito de usar a palabra negra xa é racismo. A miña mamá ensinoume as cores do arco da vella e don Graciliano todas as demais. E sei que hai as cores branca e negra. Moi listo non son, pero alcanzo a distinguilos. Tina Turner é de cor negra e o fillo do Saltón é de cor branca. A min gústame moito a Tina Turner. O meu pai chámase Gumersindo, O Saltón.


De pequeno quixen ser astronauta e agora son un nugallán máis que nugallán. Gústame soñar co Capitán América para lanzar o escudo coma un búmerang. Con el non quero matar a ninguén, aínda que ás veces mido mal o lanzamento, a distancia e a potencia; e pasa o que pasa. E iso que sempre defendín que non hai mellor medida que a de “a ollo”. Por veces fállame. Igual é por culpa de que me distraen as cancións de Tina Turner.

A miña mamá, na realidade, chámase Isolina, pero todos lle chaman A Carracha. Non é que me guste moito, pero... Pero nas aldeas tamén pasa o que pasa. A min non sei como me chaman por detrás. Creo que O Arnal. Un día un rapaz díxome a berros que era peor que un toxo arnal. Non sei, poida que sexa un toxo porque me enfado cando alguén non me fala de Tina Turner. Agora estou tranquiliño. Sento. Miro para un balcón en concreto e espero a que saia a Tina Turner, a miña Tina Turner. Sei que non vai saír, mais faime ilusión esperar. O fillo da Carracha nunca desespera.


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 22 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario