sábado, 12 de marzo de 2022

UN QUE NON PARA

Dez menos dez da noite. Porque é noite. Polo menos, fóra, está escuro. E dentro teño que acender a luz. É inverno. Non tardará en ser primavera. Tampouco tardou Núñez Feijóo en facerse destacar: permitiu o acordo do PP con Vox en Castela e León. Aí está, pactando cun partido antiautonomista e xenófobo. A culpa seguro que é do inverno; que o frío conxela as ideas. E quen terá a culpa de que o galego se extinga? Porque (e mira que me costa recoñecelo) o galego, segundo certos estudos e estatísticas, mingua que é unha barbaridade. Cada vez se fala menos. E o de escribilo xa non digo nada.


Xa pasaron cinco minutos. Cinco minutos do tempo aquel que dicía ó principio. A banda sonora de “Parque Jurásico” leva quince soando. É que antes de me poñer con isto, estiven con outras cousas. Un que non para. Por moitas veces que diga que son un nugallán, agora recoñézoo, é mentira. Ás veces digo as cousas para esaxeralas un pouco. Que non se diga que todo é tan simple. Que va! Ós temas, asuntos, materias, pareceres, opinións, etcétera, hai que darlles forza. Meterlles nervio. Que ninguén diga que son un apoucado. Tampouco Núñez Feijóo se quedou quieto. E eu non vou ser menos que Núñez Feijóo. E ás dez en punto da noite doulle. Non sei a que, pero doulle. Nunca me gustou quedarme quieto. Hai que facer sempre algo útil. Aínda que a miña inutilidade non guste. Ningunha inutilidade gusta. A algúns si lles gusta facer recuar á nosa lingua. O peor é que recúa a nosa e o castelán, mentres facemos cada vez máis uso dos anglicismos. Como debe ser! Hai que saír da Galicia profunda!


Finca Fierro. Sábado, 12 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario