viernes, 18 de marzo de 2022

A ROMPER AS LEIRAS!

Imos morrer todos! E non suicidados, esnafrados, asasinados ou de morte natural, que va!; imos morrer de fame. Estamos peor que coa pandemia da Covid-19. Coa pandemia desapareceron dos estantes dos supermercados o papel hixiénico e algún que outro produto máis. Con esta “guerra” de prezos e folgas dos transportistas, causada, por outra parte, pola guerra seria, dura, penosa e auténtica ruso-ucraína, os estantes deses mesmos supermercados están máis que baleiros. E non duns poucos produtos, senón de practicamente todos. Imos morrer de fame!


Non queda outra que, mañá mesmo, empezar a sementar patacas e encher as típicas hortas ou terreos ó lado das casas de todo o que se poida sementar, que, grazas a Deus, se queremos, pode ser moito. Despois, intentarei regar todo cunha pouca gasolina e sulfatar con gas e a ver se así consigo unha boa colleita para quedar ben abastecido. A luz... a luz, alá no patio da casa da aldea, instalarei unha bicicleta e dálle que dálle o pedal ata mesmo rebentar.

Como non tomemos medidas, imos morrer todos! Eu penso que vou librar porque, como xa teño dito, mal bicho nunca morre e, como son pouca cousa, non preciso moito alimento. Máis alá dos ósos non podo ir, e nos ósos estou. Así é que, amigos, buscade a vida como poidades, que eu, entre o terreo e a pouca necesidade, vou salvando, vou indo. Xa sei que o asunto non é de broma. Aínda que uns sabémolo coller e levar mellor que outros. A romper as leiras!


Finca Fierro. Venres, 18 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario