sábado, 19 de marzo de 2022

NO MUNDO DOS SECUESTRADOS

Botei a andar. Na metade do camiño parou un coche e o condutor invitoume a subir. Dubidei un pouco porque non acostumo a subir ós coches cando me dedico a andar, nin ós dos coñecidos e moito menos ós dos descoñecidos. Pero non sei por que, quizais porque non estaba para andainas ou porque lle vin cara de boa persoa, o caso é que aceptei o ofrecemento.

Xa dentro empezamos a falar do que adoitan falar dúas persoas cando non se coñecen e queren romper o xeo: do tempo. Que se chove, que se xea, que se vai sol, que da seca, que das inundacións, que dos furacáns, etc. De cando en vez mirábao de esguello e notaba que a súa cara tiña algo raro. Semellaba unha cara de alieníxena. Axiña souben que era o que me chamaba a atención: que a súa cara cambiaba de cor. En poucos segundos vinlla morada, azul, laranxa, violeta e, agora, ata de cor verde.


Cando quixen comentarlle algo diso, oín como as portas do coche se cerraban automaticamente e souben ó instante (por veces, non son parvo) que acababa de entrar no mundo dos secuestrados. Quedei tan asombrado que non souben que dicir. Foi o condutor o que falou: imos alá. E o coche elevouse á velocidade de máis alá da luz. Cando quixen dicir algo, xa pasaramos Marte, Xúpiter e estabamos cruzando os aneis de Saturno.

Aterramos nun planeta descoñecido no que os seres que alí vivían andaban todos boca abaixo, e eu non tardei en ir na mesma posición e, para máis carallos, púxenme de cor verde. Sei que xa nunca máis volverei á Terra.


Café A Pedreira. A Valenzá. Sábado, 19 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario