miércoles, 16 de marzo de 2022

AS ÁS DA FELICIDADE

Deitei sobre a á esquerda dunha ilusión, case mellor dunha quimera. Ó pouco, rachou. Axiña lle cantei un responso e lle recei unha pequena oración. Pasei logo á ala dereita da esperanza. Case me foi peor; esta empezou a bambear, a abalar de tal maneira que quedei coa ansiedade medio afogando de afliximento. Creo que rosmei que a impotencia é a ponte da infelicidade.


Agora, cunha á rota e a outra a medio romper, tan só queda esperar a velas vir. Se é que veñen; os afáns, as ansias, as nostalxias e as nubes brancas dunha felicidade eterna. Existe a felicidade eterna? Non. A felicidade son tan só momentos. Bonitos momentos, pero instantes.

Espero. Todo queda en silencio e os anhelos flotan por entre as palabras que escribo mentres escoito a Melendi. Ó mellor é Sabina. Ó mellor é a melancolía rabuñando nas entrañas do pasado. O presente segue a velas vir. E o futuro... o futuro está por escribir. Escribireino. Poida que incluso con catro palabras mal ditas ou cun réquiem nocturno, pero sempre con algún motivo ou orixe de fondo.

Espero. E xogo coa rosa dos tempos e co reflexo dun camisón branco na rima duns versos a medio compoñer. Espero e intento arranxar as alas, esas ás que quero que me leven polo universo da utopía. Ó pouco, deito de novo; primeiro sobre a á esquerda e logo sobre a dereita. Aguantan como aguanta a esperanza e sei que sempre hai unha posibilidade para vivir. Vivo.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 15 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario