miércoles, 30 de marzo de 2022

UNHA VERDADE VERDADEIRA

O que vou contar aquí pensaredes que é unha broma; pero non é tal. É unha verdade verdadeira que digo coa man dereita sobre o corazón. E este latexa a un ritmo normal.

Os meus pais puxéronme Gerundio e, por detrás, os amigos chámanme O Participio. Non acaba aí a graza ou a retranca. Nacín na aldea da Conxugación, que pertence ó concello do Verbo. Agora pregúntome eu e preguntarédervos vós: quen ten máis mala leite, os meus pais, os amigos ou as casualidades? Aínda non rematei; non hai moito oínlle a un rapaz non sei que sobre o leito dun río. Eu non tardei en ir ó río Pluscuamperfecto para deitarme nel. Molleime, claro. Marchei á casa correndo e ó explicarlle ós meus papás o que pasara, tamén lle oín polo baixiño a unha veciña (esa veciña laretas que hai en todas as aldeas) que eu non era ben avisado. A verdade é que moi ben non a entendín. A min a miña mamá sempre me avisaba ben. Pero, xa digo, hai veciños e veciñas que moitas veces falan por falar.


Cando non estou no monte... (non digo o seu nome para que non collades isto de mofa), os pais déixanme xogar toda a tarde na aira de... (si, mellor puntos suspensivos) cos amigos. E iso que se meten bastante comigo dicíndome que son medio parvo (algunhas veces dinme parvo enteiro). Eu, para máis aquel, ríolle as grazas. Non, pegar non me pegan porque son moito máis grande ca eles. Ás veces noto como a veciña esa rexoubeira me mira con cara de pena. Non sei por que, pois eu sempre estou rindo.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 29 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario