jueves, 31 de marzo de 2022

ESCRIBO PARA DICIR QUE...

Sento na terraza do café e ó momento, mesmo antes de que me poñan o propio café, xa saco o meu pequeno caderno para escribir. Escribo para dicir que o sol se filtra por entre as nubes, pero de cando en vez tamén caen pingas de auga. Escribo para dicir que a pobreza seica se multiplicou no noso país. Eu tamén digo que a pobreza de espírito vai moito máis alá dunha multiplicación. Escribo para dicir que un coche dunha autoescola aparcou a un lado da rúa para facer un intercambio de alumnos. Tamén podo dicir que o silencio se fai silencio cando o ruído deixa de ser ruído, e que incluso habendo ruído pode haber silencio. É raro o asunto pero pode ser.


Agora que xa tomei o café sigo escribindo para dicir que as pingas de auga si xa caen con forza e con bastante intensidade. É igual. Que chova. Como din os vellos: boa falta fai. Escribo para dicir que non se poden facer dúas cousas a un tempo, e hai xente que fai dúas cousas a un tempo, polo que o normal é que non faga ben unha ou a outra; ó mellor incluso as dúas. Pero non llo botarei en cara. Para que?

Escribo para dicir que aínda que chova e aínda que non teño paraugas, vou marchar, arrimado ás paredes dos edificios e coa capucha da cazadora posta. Malo será que non chegue ben á biblioteca. Aproveito para dicir que, nesta, o silencio si vence por goleada ó ruído. E de paso que vou mirarei a ver quen ten os faiados abertos. Por aquilo de se se lles mete a agua dentro. Ás veces dáseme por compadecerme dos demais.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 31 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario