lunes, 21 de marzo de 2022

UNHA PASTILLA DE XABÓN

Aínda que sempre fun un pouco covarde, de cando en vez danme arroutos ou éntrame algo así como unha febre e actúo sen importarme moito as consecuencias. É dicir, que por veces son un botado para adiante. O outro día quixen experimentar como se estivera nunha película, cando a algún personaxe se lle pon por medio, no chan, unha pastilla de xabón. Así é que, sen andar con panxoliñas ou sen andar con días santos (que é o mesmo), collín camiño do cuarto de baño e que sexa o que Deus queira.


Eu, por un lado, sabía que aínda que me esnafrase ás primeiras de cambio, ó mellor tiña a sorte de que o trompazo non fose moi grave a causa de que o cuarto de baño era pequeno. Se había sorte, ata poida que nin chegase a caer. Abrín a porta, axexei todo o que puiden axexar, erguín a perna dereita, pechei os ollos e deixei caer o pé sobre a pastilla de xabón.

Queredes saber que non recordo nada? Tan só sei que estou deitado nunha cama de hospital, coa cabeza practicamente toda vendada e coa sensación de que, efectivamente, a rachei. Mesmo me dá a impresión de que grazas á venda non me escorregan os miolos pola cara abaixo. O peor é que non teño a quen lle preguntar. Estou só e medio suando a causa da angustia porque non sei que pinto aquí desta maneira. Chamei a alguén e apareceu unha señorita cun cacho ceo na boca que me dixo non sei que dunha pastilla de xabón. De cando en vez tocábame na cabeza e miraba os dedos a ver se vía miolos neles. Non vendo nada, botei a durmir.


Finca Fierro. Luns, 21 de marzo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario