lunes, 22 de agosto de 2022

A MENOS

A cabeciña vai a menos. Acabo de saír da casa sen música. Iso é terrible! Como me entreteño agora camiño da Valenzá, ata o medio da Valenzá? Hai un bo traxecto. Teño a opción de asubiar uns temas de Ennio Morricone ou de cantaruxar algún retrouso de Sabina. Pero non é o mesmo. Non é o mesmo unha imitación que a orixinalidade. Nin é o mesmo un roto que un descosido.


Calquera día esquéceseme a conciencia. Ou a ilusión. E non quero perder nin unha nin a outra. Nin tan sequera sendo a conciencia negra. Que non a é. A ilusión... a ilusión é o mesmo que a esperanza, que sempre se di que nunca hai que perdela. Eu, sinceramente, non a perdo nunca. Nin a unha nin a outra. Pero con esta cabeciña...

Algúns pensarán que o da cabeciña é a causa da idade. Que va! Se estou precisamente na mellor idade, na madurez; onde a experiencia vale un grao e a inocencia... a inocencia foi o que foi. Se aínda tivera 74 anos, que é cando seica empeza a vellez, podía aceptar o de esquecementos varios. Pero a madurez, a madurez é marabillosa. Serán entón as neuronas, que ás veces atrófianse, outras veces mexan fóra do cacho e outras quedan contemplando os biosbardos, ou sexa, a velas vir.

A cabeciña vai a menos, pero a música, a ilusión, a esperanza, a madurez, os sentimentos, a conciencia, as ganas ou ansias, as forzas e soños seguen todo intactos, seguen loitando contra ese esquecemento ou despiste que temos incluso os máis listos e agudos do lugar.


Café Kibu. A Valenzá. Luns, 22 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario