jueves, 11 de agosto de 2022

ALUSTRA E TRONA

Alustra na distancia, á altura dos Castros, aínda que soño con que o faga na serra de San Mamede. Ou mellor aínda, no monte Medo. Trona. Trona na conciencia duns seres que non teñen conciencia. Que os hai a moreas. Hai máis abisinios que alustros na tormenta. Alustra sobre os ruxerruxes dos sentimentos que van moito máis alá desas mesmas sensacións. E trona sobre a ansiedade dun desexo.

Alustra cada vez máis cerca. Agora faino sobre a Aira de Arriba de Baños de Molgas. Ou ó mellor é sobre As Mestras. A distancia, ás veces, é un ir e vir de metros, ou unha quimera na fase da lúa chea. Trona. Trona sobre a miña cabeza, que se deixa caer sobre un poema que está por escribir. Sempre me tronou un pouco. Algúns mesmo pensarán que me trona un moito. Alá cada quen coa súa conciencia, ou co seu pensamento.


Alustra aínda moito máis cerca. A potencia do lóstrego, do raio, do alustro, do relampo asusta, mete medo. Hai algunhas persoas que asumen o medo do trono, de se trono forte, seco e eterno. Eu non. Eu son como a miña nai: gozamos co trono, co ruído do trono. Respectamos o alustro; iso si. Alustra e trona. Alustra sobre a Carballeira de Baños de Molgas e racha o carballo das Mestras. Trona sobre o barrio da Igrexa, e sobre o ritmo da Tina Turner, e sobre a xanela dun faiado, e sobre o eixo dun carro. Alustra e trona. Alustra ó meu lado. Trona o meu peito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 10 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario