viernes, 12 de agosto de 2022

UN AMIGO

Gústame contemplar os biosbardos desde a ponte das Cabras (ou ponte do Medo) de Baños de Molgas. Unhas veces fágoo apoiado na varanda e outras sentado no bordo dereito da ponte. Unhas veces cun libro aberto. Outras veces co mesmo libro, pechado sobre o peito. Por momentos quería pillar as troitas coas bragas enxoitas, aínda sabendo que sería unha acción inútil, debido a que hoxe, nin troitas nin... O das bragas, mellor que sexa tema á parte.


Son Aurelio Diosdado Silveira e ó autor que non se lle pase pola cabeza escribir o meu alcume que lle arrinco as entrañas, ou mellor aínda, as asaduras. Teño alcume e os meus pais teñen alcume. Todos os veciños teñen alias, pero o meu, polo menos o meu, nin de carallada. Que eu ben sei que o que escribe é moi amigo de poñer os alcumes sobre o papel en branco. O meu, nin en branco nin no escrito!

Nun momento dado, e cando penso que unha troita choutou xunto ás carrancoñas dun vello amieiro, o que consigo ver é unha fermosa lontra entrando e saíndo das augas do Arnoia coma os anxos. Que bonita é! Durante un tempo deixei en paz ós biosbardos e seguín o percorrido da lontra con dirección ós Lamas.

Vendo que o autor se portou ben, quédolle agradecido e dándolle a entender (ou sexa, lanzándolle unha indirecta máis directa que a propia insinuación) que aquí ten un amigo. Que se el quere, para os seus escritos, outro día pode contar comigo.


Café Brétema. A Valenzá. Venres, 12 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario