martes, 23 de agosto de 2022

O ELEFANTE QUE COMÍA UVAS DE TREIXADURA

Salustiano Subelas, O Chispas, notaba como lle escorregaba a suor polas costas. A calor era moita e, aínda que estaba sentado non raíl da vía do tren, moi cerquiña da estación de Baños de Molgas, o ambiente de bochorno non o deixaba en paz. A maiores de que, el, sempre foi un home de moito suar. Mesmo suaba cando pensaba moi intensamente.

O Chispas tiña que pensar sempre moi intensamente. Se non pensaba profundo sentíase inútil e desganado. El mesmo confesaba ás veces que cando non tiña en que pensar sentíase coma un elefante comendo uvas de treixadura. O bonito é que non sabía se os elefantes comían uvas, e moito menos se eran desa clase. “Ó mellor eran de godello”, remarcaba algunha vez.


Pero Salustiano, O Chispas, nestes momentos, non era un elefante; notábaselle ás leguas que estaba pensando. A súa expresión dicíao todo. Seguro que pensaba na forma de deixar de suar. Ou en como matar o tempo sen erguerse do raíl. Porque non sería elefante, pero a posturiña que ten e nas ansias que amosa, o pobre xa pode facer a vendima cunha ducia de proboscídeos, que el non sei se vendimaría nin as uvas de torrontés.

Non obstante, nunha arroutada, ergueu e púxose ó camiño con dirección á ponte das Cepas. Nin así deixou de sentirse un elefante comendo uvas de treixadura. De pasada, dunha silveira, colleu unhas moras negras e meteunas na boca. Sorriu. Seguro que o fixo ante os seus propios pensamentos. Os profundos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 23 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario