lunes, 15 de agosto de 2022

PARA A FOTO

Un grupo de autoridades asoma pola Festa do Polbo do Carballiño. Un grupo ou varios grupos de autoridades aparecen por todas as festas ou acontecementos deportivos, sociais, culturais, gastronómicos... e que sexan bastante importantes. É dicir, un grupo ou grupos de autoridades aparecen para a foto. Para dicir máis ou menos que aquí estamos nós, coa nosa xente.


Pero ninguén aparece, por exemplo, por Ribadavia para intentar solucionar o tema da seca. É o único concello en España que, hoxe, está en situación de emerxencia. Aparecerán por esa vila, iso si, cando se celebre a Feira do Viño e a Festa Medieval.

Sempre pasa o mesmo: no tempo das vacas gordas, das vacas mantidas asoman coma os grilos para cantar as súas vitorias. Con foto, claro. Sen foto non hai testemuña de que estivesen nas entregas de trofeos ou nas gabanzas dos organizadores. No tempo das vacas fracas, das vacas esfameadas non se dan aire, non vaia ser que alguén empece a berrar sobre tal desgraza ou sobre certa ineptitude das autoridades. Igual lles sae a foto desenfocada e iso non é nada bo.

E aínda que se presenten ante algunha traxedia, fano, iso si, tarde e mal; prometendo o santo e máis a esmola, sen saber que ante certas desventuras ou infortunios, non hai recompensa posible. Si, por exemplo, cando arden casas nos incendios forestais. Non obstante, seguen a ter a cara dura de facer que fan algo para a foto. Mesmo collendo unha xestiña de nada, coma quen que andaron apagando. O punto, o esencial, a éxtase é a foto.


Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 15 de agosto de 2022

Finca Fierro. Luns, 15 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario