domingo, 14 de agosto de 2022

TRES TRISTES TIGRES

Tres tristes tigres perdéronse pola contorna de Baños de Molgas. Os tres levaban anos encerrados nun cortello da propia vila de Baños de Molgas. E ante un despiste de Aurelio Rozas Lobal, O Africano (nin botara ben o ferrollo da porta nin, despois, usara a chave), non o pensaron dúas veces e, ó saír o primeiro, marcharon detrás os outros dous. Certo que saíron xuntos, pero non tardaron en coller direccións distintas. Un marchou pola zona dos Piuales, outro colleu pola Parrumeira e o terceiro xa andaba perdido polos Caneiros.


Tan axiña como O Africano caeu na conta de que lle faltaban os tres tristes tigres, empezou xa unha busca desesperada para atopar a tales feras. Porque, como feras que eran, poderían e seguro que serían perigosas. Mentres Aurelio busca, eu aclaro dous puntos. O primeiro é que a tristeza dos tigres procedía, por suposto, do encerro ó que os sometera Aurelio. A ninguén, sexa besta ou humano, lle gusta estar encerrado. O segundo punto aclaratorio é que o alcume de Aurelio Rozas é posterior á súa viaxe a África, a onde fora precisamente a buscar os tres tigres. É das poucas persoas que estaban sen alias en toda Galicia.

Á causa do encerro, os tres tristes tigres tiñan algún defecto físico (os tres coxeaban dalgunha pata a causa das súas propias pelexas, por aquilo de que o cortello era pequeno e cada un deles quería marcar o seu propio territorio), polo que o Africano non lle foi difícil atopalos e conducilos de novo ó seu curral, ou sexa, ó seu cortello, é dicir, ó seu encerro. Pobres tres tristes tigres!


Café O Liñar. A Valenzá. Domingo, 14 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario