sábado, 20 de agosto de 2022

VOLVE A CALOR

Volve a calor. É igual. Hai que seguir. Polo sol. Pola sombra. Pero sempre para adiante. Algunhas veces tamén hai que facelo para atrás. E sen que semelle covardía. Simplemente hai que saber retroceder. Por se alguén pensa que hai covardía ó retroceder, a solución é sinxela: pega un media volta e tira cara á adiante. Así retrocédese pero sempre mirando para adiante.


Volve a calor. Refúxiome baixo a sombra dun balcón. Tal sombra é pequena, pero suficiente como para que a suor se seque, se arrefríe. Non obstante, aguanto pouco tempo alí porque me pode caer o balcón encima. E xa sabedes o concepto que teño de que algo me caia no lombo. Que podo escangallar, rebentar, podo quedar esmagado. E non é un prato de gusto o morrer, polo menos, desa maneira.

Así é que marcho baixo unha calor asfixiante. Miro para as bufardas dos faiados e compadézome dos que poidan vivir neles baixo estas condicións. Pero os seus habitantes ou inquilinos tamén teñen que tirar para adiante... ou retroceder dando a volta.

Volve a calor e o ruxerruxe do aire quente é como unha ladaíña que ferve no asubío dun soño. De aí que nestes momentos e por culpa desa maldita calor, non teña ganas de asubiar. Non obstante, toco palmas coma se foran latexos cando paseo pola carrilleira da esperanza. Ou polo carreiro do desexo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 20 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario