viernes, 19 de agosto de 2022

CONTEMPLANDO O SEU UNIVERSO

Filomeno Ferreiro Fraga, O Lagarto, quitou as arañeiras dos ollos para contemplar o universo, ou sexa, o que o arrodeaba. Estaba sentado na pasarela que cruzaba o río Arnoia na zona do muíño, en Baños de Molgas. Filomeno era fillo da Asunción, A Tísica, e do Manuel, O Chosco. A xente da vila sempre comentaba que O Lagarto choutaba cando quería estar quieto e corría cando desexaba estar parado. Ninguén entendía esas contradicións. Os seus pais dicían que era así. Os veciños aseguraban que alá os seus pais. A realidade era que Filomeno era como era.


Sentado e contemplando o seu propio universo, é dicir, o río Arnoia, Filomeno imaxinou que fora unha troita a que corría polo río arriba, cando a realidade amosaba a unha rula voando para pousar, logo, nos amieiros da Pillamadoira. E sen se decatar do erro (realmente dáballe igual que fose unha troita ou unha rula, que correse ou que voase unha ou a outra), o rapaz empezou a asubiar de todas as maneiras habidas e por haber.

Porque O Lagarto era aínda un rapaz de case 30 anos e estaba a probar os asubíos con diversos dedos das mans e tamén, como non, simplemente xuntando os beizos. Quería imitar ós paxaros e saíulle o bufido das serpes, quería copiar ós grilos e o asubío era máis o son dun can doente. Filomeno Ferreiro Fraga refregou de novo os ollos porque acaba de ver un peixe espada xusto debaixo da pasarela. Era un caxato que se movía impulsado pola forza das augas. Quixo marchar correndo para a casa para falar do descubrimento. Alí seguía, sentado, esperando a noite.


Café Kibu. A Valenzá. Venres, 19 de agosto de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario