sábado, 22 de octubre de 2022

A ORDE

Distribuír é o mesmo que repartir. Polo que esparexín os apuntes sobre a mesa e empezou a miña loita para a súa colocación, para o seu ordenamento. Por orde alfabética? Por cantidade? Por temática? Ás veces, colocar documentos, solicitudes, é dicir, papeis non é tan fácil. E moito menos para aqueles que son, que somos un pouco fanáticos da orde.


Creo que o meu concepto da orde débese moito máis ó detalle da posterior busca, da facilidade de atopar algo que á propia orde en si. Sei que hai xente á que lle é máis fácil atopar algo dentro da desorde, do desamaño. Pero creo que as cousas ordenadas, a maiores de parecer ben, son máis fáciles de encontrar.

O problema chega en como levar a cabo esa orde. Como me gusta ler e como fanático dos libros que son, poño a estes de exemplo. Como podo colocalos nos estantes? Por orde alfabética do autor? Por orde alfabética do título? Polo volume, ou sexa, polas páxinas? Por temas? Por xéneros? Por editoriais? Polo ISBN? Por nacionalidades dos autores?

Xuntar é o mesmo que achegar. Así é que agrupo, reúno, arrimo, meto os documentos ou apuntes nunha carpeta ou en varias carpetas para gardalas en caixas de calquera maneira. Cando teña que buscar algo, entón si, prometo que para a próxima seguirei punto por punto, ó pé da letra todo o galimatías ese da orde descrita.


Bar Paco. O Vinteún – Ourense. Venres, 21 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario