lunes, 10 de octubre de 2022

COA IGREXA TOPAMOS

No ano 1956 eu aínda non nacera e non sei como estaría a igrexa parroquial do san Salvador de Baños de Molgas, pero segundo reflicte un xornal desa época debía estar mal, xa que polo señor Gobernador civil e presidente do Consello Provincial da Vivenda ordenouse a entrega de 20.000 pesetas (que xa eran cartos) ó cura párroco da citada igrexa. Eses cartos concedéronse como subvención pola Dirección Xeral do Instituto Nacional da Vivenda con destino ás obras de reparación do templo. Seguro que chovería dentro e habería que retellar.


O que me chama tamén a atención e a redacción de que se lle fai entrega de tales cartos ó propio cura, xa que os malos pensamentos axiña choutan coa desconfianza de se non se quedaría con algo. Si, son un mal pensado. O cura párroco nese ano é o mesmo ó que coñecín toda a vida: don Manuel Pulido Vázquez, e creo que era bo home, aínda que máis dunha vez os meus pais contaban que lle deixaran moitas veces o burro (viviamos pegadiños á igrexa) para desprazarse a outras parroquias ou lugares e que nin tan sequera era capaz de darlle logo uns carrouchos ó propio animal.

De todos é sabido que naqueles tempos a Igrexa sabía facer bo uso do seu poder. Como o de axudarlles nas labores agrícolas cando era tempo de sementeiras e colleitas. E todos sabemos que as posesións da Igrexa non eran media ducia de áreas; máis ben había que botar man das medidas por hectáreas. Pero xa se sabe que... coa Igrexa topamos.


Café Brétema. A Valenzá. Xoves, 6 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario