miércoles, 5 de octubre de 2022

O VOLANTE

Son o volante do coche do paisa que empeza a escribir. Son redondo. E tal paisa, ou sexa, tal paspán tráeme tolo. É que me marea! Que se para á dereita, que se para á esquerda. E os golpes; os golpes é o que peor levo. Dáme moitos. Porque se cabrea axiña. Porque o coche que vai diante del circula amodiño, porque fai unha mala manobra ou por calquera outra trapallada. Entón, a maiores dos golpes que me dá, berra como se caeran os santos do ceo. Que mal falado é, carallo! Si, só son palabras groseiras, pero mesmo semella que se acaba o mundo. É un desesperado! Que culpa lle teño eu? Só intento responder ós seus mandados: para a dereita, para a esquerda, quietiño, nunca lle me trabo, que máis quere!


Recoñezo que, fóra desas arroutadas, intenta coidarme ben. Principalmente nos días de moito sol e nas noites de inmensas xeadas. Non lle importa andar uns metros con tal de deixarme a resgardo dun e das outras. Non obstante, cando non lle queda outra, tenme que deixar como me ten que deixar. Nos días de moita calor, e cando se despista de taparme co parasol, aí é onde intento facer uso da miña vinganza: simplemente que lle abraso as mans. Cando as retira coma un foguete xa é tarde; xa lle deixei a miña marca de fábrica nos días de canícula. El nese momento non se dá conta (porque as queimaduras obnubílano), pero, que queredes, éntrame a risa. Unha risa na que van certas angustias de cando berra, esbardalla e golpea. Tamén recoñezo que a base de agarrarme téñolle cariño. Porque ás veces tamén me acariña e iso enche de felicidade toda a miña circunferencia.


Café A Pedreira. A Valenzá. Xoves, 29 de setembro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario