lunes, 17 de octubre de 2022

TRES PENSAMENTOS

Penso nese repartidor que circulou en bicicleta pola AP-9 e que cando o detiveron alegou que por aí, precisamente por aí, o mandou o GPS. Non se pode fiar un moito desas máquinas. E aínda que non fallen moito deberiamos ter algunha idea de por onde imos e por onde andamos. Eu son moito de consultar mapas, máis tamén é certo que case sempre me perdo, que dou unhas cantas voltas (si, por culpa das malas sinalizacións), aínda que, faltaría máis, acabo chegando ó lugar. Sempre.


Penso nese aparcadoiro ilegal que seica hai á beira do aeroporto de Santiago. Porque o tema dos aparcadoiros no noso país tamén é de escándalo. Principalmente neses lugares de moita concentración. Vénseme á cabeza os hospitais e residencias sanitarias que, polo menos en Ourense, non contan con aparcadoiros públicos; e os privados non anda o asunto económico moi boiante como para aparcar neles. Entón é normal que intentemos aparcar onde podiamos, ou sexa, onde non se pode. As administracións deben pensar que imos a eses lugares por gusto ou a facer turismo.


Penso que, por unha vez, vou romper unha lanza en favor dos Estados Unidos de América en cuestión de masacres. Non están sós. A principios de mes, un ex policía tailandés asasinou a tiros a 38 persoas, das cales 22 eran nenos. Porque tal masacre, tal animalada desenvolveuse nunha gardaría. Non teño cualificativos para describir tal barbaridade nin a tal malnacido.



Café O Chicote. A Valenzá. Luns, 17 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario