martes, 18 de octubre de 2022

NUNCA ME PASA NADA

Hai xente rara e hai xente á que lle pasan cousas raras. Hai un home que quere recostar a cabeza sobre o ombreiro da lúa e unha muller quere lamber as feridas. Non sei que feridas, pero iso quere. Unha parella de homes que non sei que de cruzar unha ponte sobre augas turbulentas e un señor maduro que fai uso duns timbais... e fai música!

A min non me pasa nada diso! Nin diso nin de ningunha outra cousa. Simplemente que non me pasa nada. Incluso aínda que percorra quilómetros a base de choutos de saltón, nin tan sequera cando viaxo atado ou pexado ás ás dun anxo. Ou duns cantos anxos. Din que hai anxos no ceo e tan só un demo no inferno. Non sei que dicir.

A uns pásanlle as nubes brancas por enriba e eu teño as negras sempre encima. Pero iso non é pasar nada; simplemente están aí, e punto. Eu miro para elas e nada máis. Nin corren, nin se desprazan, nin soltan auga. A min nunca me pasa nada; e moito menos raro. Mesmo o outro día quixen tirarme ó tren cando estaba a chegar á estación de Baños de Molgas, a ver se me pasaba algo e, o maldito, non foi cambiar de vía! Entón, despois, non tardei en subir á Perla Negra por ver se afogaba, pero a condenada non naufragou!


A un grupo de xente, a negra sombra de Rosalía loita noite e día. A min nada; porque nin tan sequera fago sombra. Non obstante, confío en que co tempo me pase algo.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 18 de outubro de 2022

 

2 comentarios: