martes, 11 de octubre de 2022

COS OLLOS PECHOS

Cerro os ollos e vexo a vida pasar. Pasa de présa, pasa nun lóstrego. Porque a miña vida é curta. Vivo e deixo vivir. Así de sinxelo. Agora cada un que viva como queira... e coa súa conciencia. Cos ollos abertos vexo moitas máis cousas, e non me gustan. Por iso pecho os ollos. Mellor. Moito mellor. Vaiche boa!

A miña nai chámame Meu Neno, a pesar dos 50 anos acabados de cumprir. O meu pai chámame Salvador, que é como consto na partida bautismal. E os de fóra chámanme O Piollo, porque son ruín, pouquiña cousa e, para máis aquel, ando sempre a rañar na cabeza. Algúns pensarán que é a causa dalgún proído, pero a realidade débese a que medito moito. Tamén son moi tranquiliño e un cacho de pan.


Gústanme os coches vermellos e o silencio sentado á beira do ruído. Levo unha vida de aquí para alá (dentro da miña tranquilidade) e descanso sobre unha almofada na que se mesturan os ruxerruxes dos soños. Son coma ese piollo que se bambea coa liana da nostalxia; mellor aínda, coa soga da morriña, da señardade.

Por veces contemplo, cos ollos pechos, fotos que vin algunha vez e que marcaron o ir e vir dos pensamentos. Cando se me esvaecen deixo que a melancolía sexa o pracer de estar triste. Ás veces son así de nostálxico. Ou de arroutado. Cada un que pense o que queira, que eu vivo a vida cos ollos pechos. É curta. Pasa nun alustro. Pero que harmonía neste soñar esperto! Son un piollo ben fino.


Café Sports Century. A Valenzá. Martes, 11 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario