martes, 25 de octubre de 2022

A VIDA É MOVEMENTO

Estudei a posibilidade de non moverme do sitio, pero non procedía. Quería bailar ó compás do universo e berrar ata esgazar a gorxa. Así é que me movín. E subín ó outeiro máis alto para berrar con dirección ós catro puntos cardinais: polo que fun, polo que son, polo que serei e por estar no lugar. O baile sería eterno; coma o universo.


Tiven que moverme de novo para baixar do outeiro. Fíxeno ás boleiradas. Para chegar máis rápido ó caixón dos recordos ou ó regato dos pensamentos. Porque nunca me importou mollarme. Teño todo o tempo do mundo para secar. En movemento ou parado. En movemento seco a ritmos musicais e parado fágoo baixo o bater de ás da rula que me rolda.

Sigo a moverme. Chouto de planeta a planeta e de estrela a estrela. Sinto como levito por entre os meteoritos do silencio e baixo a brillante luz dos cometas do universo. Cando deixo de pensar en quimeras afogo as penas polos parágrafos dunha novela. Agora cada quen que pense ou que faga o que queira. Eu sigo a bailar ó compás dos latexos.

E bailo baixo a luz da lúa vella. E berro desde os faiados que dan para o leste. E corro tras as ansias do desexo. E procedo a non quedar nunca quieto. Porque a vida é movemento. E o movemento é un ir e vir, un bambeo de adrenalina que fai inchar as veas. E as veas amosan todos os devezos ou os folgos que se levan dentro. Agora cada quen que asuma esta lenda, este invento.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 25 de outubro de 2022

Finca Fierro. Martes, 25 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario