viernes, 21 de octubre de 2022

SOLTA DE POMBAS


Cando aínda me botaba a correr desde a aira ata a casa porque se me esquecera o chupete, ou o que é o mesmo, cando me faltaban once días para cumprir os tres anos de idade, lembro coma se fora onte a solta de pombas que se realizou en Baños de Molgas o domingo 25 de marzo de 1962. Lembro o acontecemento e as pombas planado o ceo molgués, pero o que non consigo recordar ben (a ver, pobre de min, nin con tan sequera tres aniños) foi o lugar da solta. Non sei se foi desde a Aira do Pombal, desde A Rabaxoá, desde A Chaira o desde a propia Aira de Arriba. Descarto a Ansuíña e as Mestras polas carballeiras existentes e dificultando, polo tanto, o voo das aves. Tamén descarto o barrio da Estación porque, quéirase que non, sempre quedou bastante a desmán do núcleo da vila molguesa.


Tal evento levouno a cabo a Sociedade Colombófila Ás Composteláns, que xa viña realizando probas de adestramento todos os domingos para poder participar no mes de xuño no Campionato Rexional que se celebraría na capital do Imperio, ou sexa, Madrid. Tales probas, e ata ese momento molgués, realizáronse en Lalín, Ourense e Lugo.

A tantos anos dese feito, contan as crónicas que, logo das probas, dos ensaios, non houbo moitos extravíos. De pombas, se entende. Aínda que eu, ó día seguinte, si vin algunha que outra de máis sobre o campanario da igrexa, e coa sensación de sentirse verdadeiramente libres, ceibes.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 20 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario