viernes, 14 de octubre de 2022

UN ORBALLO DE AFLIXIMENTO

El asubioulle ó oído, moi baixiño, un tema do Oeste de Morricone. Ela cantoulle, mirándoo ós ollos, unha canción de Sabina. E xuntos, pegadiños, bailaron un tango sobre a ponte vella de Baños de Molgas. Aí foi cando o tempo deixou de pasar e o silencio empreñou de melancolía.


Cando o reloxo da igrexa de Baños de Molgas deu as sete da tarde cada un marchou por onde viñera. Non necesitaban máis tempo nin máis lugares para saber que a vida pasa e que iso de que todo cambia... xa se vería.

El colleu polo camiño do medio e ela pola estreitura dun carreiro. O camiño del levábao ás leiras sobre as que dobregaría o desexo. O sendeiro dela subía por entre silvas e toxos que esquivaba, que sorteaba con elegancia. Ela era coma o ronsel branco que deixan os avións no firmamento. El era coma o alustro que alumea a noite máis escura do inverno.

El, desde a distancia, agora si, asubioulle con forza o The Wall de Pink Floyd. Ela, desde máis alá da inocencia, cantoulle con ansia, con estilo, cun bo ton e con forza The Man I Love de Billie Holiday. E os dous, por separado, bailaron unha polca sobre os versos do poema, do seu poema. El bailou desde unha carreira das Costelas e ela bailou desde o pombal do Muíño da Luz.

Pola noite, el e ela xa se perderan no espazo e no tempo. Tan só quedou flotando no ambiente un silencio que paría un orballo de congoxa e afliximento. Do poema esborrallaron os versos. E polo ceo asomaron lóstregos para simular todo un inferno.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 14 de outubro de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario