miércoles, 11 de junio de 2025

A COCIÑEIRA PROFESIONAL


E ti de quen ves sendo?, preguntoulle el a ela cando a encontrou sentada no mazadoiro dunha casa da súa vila. Era a primeira vez que a vía e estrañouse de vela precisamente alí sen coñecela. Ela mirouno cun medio sorriso ladeado e confesoulle que era a neta dos Pardais, da Florencia e do Florencio. Os avós eran xustamente os donos da casa onde estaba sentada a rapaza. Aínda que de rapaza tiña pouco; era unha muller feita e dereita.

Ela preguntoulle a el, e ti quen es? El díxolle que non o coñecería, que era de alá abaixo, e ó dicilo acenou, abanicou co seu brazo dereito cara a un punto indeterminado; iso si, para o fondo da vila. Non lle deu máis explicacións.


Non obstante, seguiron falando e ela confesoulle que era cociñeira profesional, que fixera cursos en academia e por on line (así lle dixo: por on line; algo que el non entendeu moi ben) e que levaba xa anos traballando nun restaurante de moitos perendengues, ou sexa, de certa fama. Ó final acabou confesándolle o xantar que tiña preparado para dentro dunhas dúas horas: un preparado para un arroz composto de a tira e máis de produtos, unha sobremesa feita a base de melón, uvas, melocotón, kiwis e peras; para rematar cunha ensalada de leituga. El tivo que case berrarlle que parase, que se lle estaba a facer auga na boca.

Ela preguntoulle en que traballaba el. El confesoulle que estaba no paro... por lacazán ou nugallán. Ó final, el, acabou confesándolle quen era: o fillo dos Polainas, a Carmen e o Inocencio, que tiñan a casa á beira mesma do río, xunto á ponte vella. Ela volveu sorrir e confirmou que non os coñecía, que levaba toda a vida fóra e...


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 9 de xuño de 2025


Foto: Ponte vella (Baños de Molgas - Ourense)

No hay comentarios:

Publicar un comentario