Quixen atravesar a parede coa mirada, pero non houbo maneira. Mirei insistentemente, con tanta forza, que mesmo me doeron os ollos. Ben vía que non era Supermán, que non botaba ese lume polos ollos que atravesa todo. A miña ollada só se cansaba de intentar pasar a parede. Eu simplemente quería saber que había máis alá.
Hai xente que ten mirada asasina. Eu, ás veces, teño mirada asasina. E nin así. Certo que a parede era desas grosas, de granito e cómpren perendengues para atravesala incluso cunha barrena, cun trade deses. E eu, pobre infeliz, quero cruzala coa mirada. Ou non estou ben ou quero realizar unha imposibilidade, e por moito que diga sempre que non hai nada imposible.
Porén, non baixo da burra, sigo coa teima. A testán non hai quen me gane. Colócome doutra forma, póñome noutra postura e busco as xuntas de dúas pedras, a ver se por aí consegue furgar a miña mirada. Nada, tan só entrou dous ou tres centímetros. Pego un pequeno descanso. Non quero forzar os ollos. A ver se en vez de botar lume coma Supermán, me botan sangue. E tampouco é plan. Por tan só unha parede. Por querer saber que hai máis alá. Que haxa o que queira. As paredes fanse precisamente para esconder algo.
Aí está o detalle: esconder. Que se contrarresta inmediatamente co de saber. Saber que hai máis alá. Descubrir, atopar o prohibido. Algún espelido soltará aquilo de que arrodee a parede e busque unha entrada. Repito: testán. Non quero facilidades; quero facer posible esa imposibilidade: atravesar unha parede grosa, de granito coa miña mirada. Sigo niso.
Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 25 de xuño de 2025
Finca Fierro. Barbadás. Venres, 27 de xuño de 2025
Foto: Baños de Molgas (Ourense)
No hay comentarios:
Publicar un comentario