Pensa rápido e acertarás. É un dicir. Eu non lle atino a un burro a tres pasos. E iso que unha vez, de neno, tireille ó chou, ó azar unha coíña a unha mazaira e cando vin caer un pardal fóiseme o mundo ós pés. A única vez que atinara na miña vida... para mal. Mala fortuna para o paxariño.
Non era pensa mal e acertarás? Nisto si hai moita concordancia. É como cando din que o primeiro pensamento é o que vale. O de pensar mal case é lei de vida. Por unhas causas ou por outros motivos, somos tortos. É así a nosa natureza, a nosa forma de ser. Pensa mal e acertarás. Fágoo moitas veces; o de pensar mal e acertar. Algo adiviño sempre fun. Ou bruxo. Ou meigo.
Pensa lento e acertarás. Case mellor desta maneira. Na lentitude vai o razoamento. Aínda que hai razoamentos que... que te levan ó de pensar mal e acertar. Porén, pensando lentamente hai tempo para analizar os proles e os contras, os máis e os menos, os reveses e os enveses. Que non sexa tampouco moi lentamente. A nosa vida está programada para as présas.
Pensa ben e acertarás. Non sei, non sei. Xa dixen que somos moi propensos a ser tortos. Cando un se torce, practicamente é imposible endereitalo. Somos como as árbores sen guía, sen puntais. E torcemos cun simple asubío.
Pensa dereito. Pensa cun sorriso aberto. Pensa cunha gargallada escandalosa pero bonita. Pensa coas pernas dobradas sobre a cama. E coa cabeza sobre a almofada. E cando tangues as vacas. Pensa esperto. Pensa durmido. Pensa soñando. Soña bonito.
Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 18 de xuño de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario