Fun e xa volvín. Moitas veces... minto, algunhas veces non quero volver, pero non queda outra. Fun polo aire e vin polo vento. Se cadra foi ó revés: fun polo vento e vin polo aire. Si sei que fun de présa e volvín correndiño. Ó mellor foi amodiño. Non sempre vou andar ó mesmo ritmo. E entre tanta ida e volta tamén se me poden cruzar os elementos.
Fun á biblioteca e volvín da biblioteca. Alí, nela, na biblioteca, boteille unha ollada ós libros e pasoume como a maioría das mulleres ante os escaparates: algo sempre gusta. E tendo tan só un libro na casa... E podendo ter tres... Que queredes que vos diga...
Fun a un supermercado e xa volvín do supermercado. Merquei catro cousas xustas. Pesábanme máis os dous libros —bastante voluminosos— que os produtos adquiridos.
Pola mañá tamén fun e volvín. Ó supermercado non, á aldea. Mentres non volvín fixen a tira de cousas e máis: desde pór uns pementos ata enramar unhas trinta vides, desde pór uns repolos ata sementar unhas cenorias, desde sulfatar esas trinta vides ata aproveitar o sulfato e ciscarllo tamén ás patacas. Reguei diversos produtos hortícolas. Fochiquei neses diversos produtos de horta ou de terreo (nós, realmente, dicimos tarreo). E rematei a mañá varrendo o patio da casa, que estaba cheo de follas dun laranxeiro que me toca o violo.
Tamén fun e volvín dos pensamentos ós soños, das covardías á heroicidades, dos sorrisos ás mágoas, da algarabía ó mutismo, da morriña á nostalxia, dunha cor do arco da vella ás seis cores restantes do mesmo arco da vella. Fun e volvín para non quedar quieto.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 12 de xuño de 2025
Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 14 de xuño de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario