jueves, 12 de junio de 2025

FREDERICK FORSYTH, O ESPÍA ESCRITOR


Cando un dos meus irmáns, alá polos anos 70, se meteu en Círculo de Lectores (un club de lectura en España que se creara en 1962 e que chegou a ter máis dun millón e medio de socios que recibían puntualmente e nas súas casas o catálogo de novidades por medio dos seus máis de cinco mil axentes), eu, como é lóxico, aproveitei e lin todo o que lle chegaba. Mesmo penso que algún libro o puiden ler antes que el mesmo. Eu aínda era rapaz e se non tiña unha puta peseta para mercar unha novela do Oeste, menos tería para un libro.

Foi nesas lecturas, nese “préstamo”, nese “roubo” de libros a meu irmán cando descubrín a Frederick Forsyth. Un autor que enganchaba en todos os seus libros desde a primeira páxina ata a última. Nas súas novelas mesturábanse os espías coas persecucións, os asasinos cos policías ou investigadores, a intriga coa emoción, os crimes coas condenas, etc.


E si, as súas primeiras novelas, principalmente “El día del Chacal”, “El expediente Odessa”, “Los perros de la guerra” e “La alternativa del diablo” foron os culpables de que, eu, transcorridos os anos, me fixese socio tamén de Círculo de Lectores e, cada vez que publicaba algo ese autor, o mercase ó momento. Se por un casual ese club non publicaba algo seu e si por librarías, como xa tiña medios (acababa de iniciarme como funcionario), marchaba correndiño a mercar a súa novela, aínda que o autor me tivese despois ata as tres ou catro da madrugada amarrado, prendido ó libro.

Frederick Forsyth, ex axente do servizo secreto británico, reporteiro, antigo piloto da Royal Air Force (RAF) e escritor que vendeu máis de 75 millóns de libros, morreu o pasado luns, día 9, á idade de 86 anos. Que os espías celestiais teñan coidadiño con el.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 10 de xuño de 2025

Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 11 de xuño de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario