Bailan os paisanos cando toca o
acordeón da nostalxia. Saben que hai temas musicais que os mandan ós tempos de
cando os bailes eran no salón máis grande do local máis enorme da vila, da
aldea, da cidade. O acordeón estaba envolto entre catro farrapos acochados no
faiado e mordidos xa polos ratos. Cantan os veciños cando toca o acordeón eses
temas que todo o mundo coñece, xeralmente os das vodas e os das excursións nos
coches de liña. Quedan quietos os veciños cando toca o acordeón nas tardes de
feira. Porque sempre hai veciños (en todas as aldeas, vilas e cidades) que se
quedan quietos ou mudos ó bailar e ó cantar. A timidez é un... estado de ánimo?
que sempre ten que impregnar a alguén, a uns cantos. Baila o rabo do can ó
ritmo da música do acordeón porque, quéirase ou non, algunhas músicas teñen un
ritmo endiañado. O máis tolo dos veciños (porque tamén sempre hai algún tolo ou
tolos), sen vergoña, ponse a bailar co can. Festa rachada coa música do
acordeón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario