viernes, 12 de septiembre de 2014

FALSAS BABALLAS DE EMOCIÓN


              Aínda que me cause un pouco de vergonza non me importa recoñecer que se me embazaron bastante os ollos cando lin a noticia, principalmente unha simple frase. Un home de Ribeira, un parado de longa duración, chegou a declarar que “é mellor morrer para que á familia lle quede unha paga”. Impresionante a frase, unha auténtica puñada á boca do estómago. Botou meses comendo tan só salchichas porque lle eran baratas. A situación, por suposto, levouno ó hospital.

              Tamén na noticia asomaba outra frase tanto ou mais demoledora como a comentada; que lle contaba a unha das súas fillas (ten tres cativos) historias para que non soubese por que comían sempre o mesmo. É triste ler isto, falar disto. Tal situación doe de carallo. Dá pena do home, da familia, cos nenos polo medio; os nenos, sempre os nenos. E dá rabia, moita rabia, porque o primeiro pensamento que se vén á cabeza son os famosos brotes verdes dos políticos. Non queda máis remedio que pensar nesas baballas de emoción que cospen os do Goberno español cando din que a situación económica empeza a ir ben e a sociedade está a recuperarse da maldita crise. Quen se recupera, señor Rajoy? Os comisarios da CE que cobrarán máis de 20.000 euros ó mes sen contar os gastos e as dietas? Non baballedes tanto e axudade a esa familia que morre, lentamente, de fame.

No hay comentarios:

Publicar un comentario