martes, 21 de marzo de 2017

A AIRA EN SILENCIO


Dime ti, zapatilla, que pisas cada lousa da miña rúa e cada pedra da miña aira, se a morriña está amarrada a un pé do canastro ou se adica a beber da fonte da que manan tempos que xa foron? Dime ti, caldeiro, que vas á burga buscar auga quente para encher os soños dun neno, se pola rúa da Igrexa de Baños de Molgas hai señardade de cando un carro anunciaba a canción de toda unha infancia? Dime ti, molgués que escribes, que enches páxinas en branco nas que debuxas estampas que non volverán, se a vida foi e volveu polos regos das leiras ou se a vida segue choutando por entre todas as escaleiras de pedra do barrio da Igrexa?
Ninguén responde. Para que? Hai vida máis alá do silencio. Sempre hai vida, aínda que esta, ás veces, aniñase nas entrañas da miseria, nas asaduras da pobnreza. Senta, silencio, neses chantóns de pedra e que cada veciño soñe co vaivén da súa existencia. E queda a aira en silencio... devecendo por aqueles tempos.

Finca Fierro. Martes, 21 de marzo de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario