lunes, 20 de marzo de 2017

O ESPANTALLO DA NOSA EDUCACIÓN


Acabo de contemplar as imaxes pola televisión da loita dos pais nun partido de fútbol de categoría infantil. E sei que non vou conseguir atopar nin as palabras nin os adxectivos correspondentes para dicir ou comentar algo. O de bochornoso, de pena, de rabia, de tristeza, de espectáculo queda curto co que realmente aconteceu.
Xa sei que me repito, pero levamos o demo dentro. E non vale que haxa nenos diante nin rabo de gaitas. Nós somos únicos, potentes, omnipresentes, perfectos e temos que demostralo. A razón sempre é nosa, carallo! Nin dos árbitros, nin dos nenos, nin do xogo. E se metemos ós nenos polo medio, xa non digo nada... os máis ricos, os máis altos, os máis guapos, os máis bos. E que ninguén me leve a contra, rediós!. Axiña boto un carallo pola boca e fago voar uns puños para que amosen a realidade dunha urbanidade que non temos, da saña que levamos dentro. En cada patada viaxa o espantallo da educación, da nosa educación.

Finca Fierro. Luns, 20 de marzo de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario