Hai
moito que ando detrás del. E mira que é fácil de ver. Porque é
aínda máis grande cós días de maio. Son 198 centímetros, é
dicir, dous metros que non poden pasar desapercibidos.
Asegúrovos que non o pasa. O rapaz destaca. Pero non só pola
estatura, senón pola forma de xogar ó baloncesto, hoxe xa, pola
veteranía de xogar ó baloncesto. Certo, non sei para que nomeei ese
deporte; con ese corpo a que ía xogar, o pobre. Para este molgués
que escribe, a maiores da estatura e do baloncesto, tamén destaca
por outras circunstancias.
Por
outras circunstancias moi especiais para un servidor. Porque é fillo
do Arturo do Viñal. E quen é ese? Pois ese señor tamén terá o
seu espazo aquí (se el o consente), nas Testemuñas da Memoria, xa
que foi unha persoa moi particular para min (rapaz, incluso máis ca
ti). E porque Rubén Vila ó ser o fillo do Arturo do Viñal, e por
moito que nacera xa en Ourense, para un servidor é veciño, veciño
do Viñal. Aínda máis: a maiores, é neto de Ramón, O Ferrador,
coñecido ata a extenuación por toda a contorna de Baños de Molgas
e concellos limítrofes.
Entendo
que a xente, o lector se coñece a Rubén Vila é máis pola súa
actividade deportiva que polo parágrafo familiar que acabo de
escribir. Porque este rapaz, e aproveitando a estatura (e outras
técnicas, todo hai que dicilo, xa que teño visto a homes ben
grandes que non saben botar un balón), axiña empezou a despuntar
polas canchas de baloncesto desde ben cativo. Aproveitando que en 3º
da EXB se mudou para os Salesianos (antes estudara nos Irmáns Villar
porque alí daba clases a súa nai, e onde estea unha nai...) e
sabendo que este colexio ten a súa importancia en cuestións
deportivas, en xeral, e no baloncesto, en particular, case se pode
dicir que foi aí onde empezou o auténtico Rubén Vila deportista, o
que un día chegaría a formar parte, nada menos, que do cadro de
xogadores do COB e, ollo ó dato, do Valencia.
Para
o Valencia marchou axiña, estando en 3º de BUP, porque algúns
espelidos, algúns espías o viron xogar e pensaron que cada
centímetro dese rapaz tiña o seu aquel. Nas terras do levante
español se nos tirou seis anos. Sendo rapaz era normal que
compaxinase os estudos co baloncesto, como calquera fillo de veciño,
polo que no instituto Baleares xa realizou todos os demais, é dicir,
bacharelato, COU e selectivo. Quixo empezar empresariais na
Universidade de Valencia, pero aquí xa deixou de ser calquera fillo
do veciño, para pasar a ser un dos escollidos, que adestraba e
viaxaba e se concentraba co equipo e volvía adestrar e viaxar de
novo e a concentrarse de novo co primeiro equipo do Valencia. O
asunto xa era serio, moi serio, ou sexa, moi profesional.
No
ano 2003 volveu recalar no noso COB (neste xa estivera sendo
infantil e cadete) co que chegou a xogar na antiga categoría chamada
Ouro, ou sexa na primeira división, ou o que é o mesmo, a hoxe
chamada ACB. Ó mesmo tempo e durante tres anos compatibilizaba os
adestramentos e partidos coa ensinanza tamén do baloncesto nos
Salesianos, un ano adestrando ós alevíns e dous ós cadetes. Cando
rematou co Club Ourense Baloncesto pasou a pertencer ó ABO.
Aquí
hai que facer un inciso porque o meu orgullo de pai tira un pouco ou
un moito: resulta que chegou a coincidir cos meus cativos, polo menos
nas típicas e famosas fotos de inicio de temporada. Claro que el xa
era un home feito e dereito e os meus cativiños empezaban en
infantil e cadete. Lembro que eu sempre estaba enriba dos meus
rapaces: vedes ó número 11. É Rubén Vila, o fillo de..., que é
do..., unha aldea de Baños de Molgas. Non vos esaxero se digo que
cheguei a aburrilos co asunto do número 11 ou Rubén Vila. Non
obstante, non fun capaz de dicirlle a Rubén, ponte aquí cos meus
fillos para unha foto. Maldita timidez a miña! Agora xa me deixaron
o baloncesto; unha pena.
Perdón
polo inciso, Rubén, pero... son fillos. Sigo. Do ABO aínda marchou
por dous anos para o Chantada e, agora, que eu saiba, xa volve estar
nos Salesianos, onde empezou. Ben certo é iso de que nos gusta
rematar todo onde todo se empeza. Vai para 38 anos e segue; o que
demostra que ama o baloncesto. Outro calquera xa o houbese deixado.
Segue combinando o amor por ese deporte co seu traballo de
funcionario en Barbadás, o que significa que o teño aí, á volta
da esquina.
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Venres, 3 de febreiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 03-03-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario