Hai
xente que te conquista cunha mirada ou cunha ollada. Hai xente que te
conquista cun xesto ou carantoña. Aínda que este molgués que
escribe pensa que a mellor conquista que se pode levar a cabo é a da
palabra. Logo, para máis aquel, o personaxe ó que estou a piques de
homenaxear conquistoume coas dúas grandes formas da palabra: a
escrita e a falada. A Xesús Alonso Montero xa hai moito años que o
coñezo (sen coñecelo), desde moi novo, desde que empecei a ler
libros ó torto e ó dereito, desde que empezaron a caer libros
galegos nas miñas mans. E digo ben o de coñecelo porque penso que
si se pode coñecer, polo menos algo, a alguén con tan só lelo.
Agora, por se fose pouco, xa teño a sorte de coñecelo tamén por
medio da palabra falada. Meu Deus, como me deixou o día que o oín
por primeira vez!
Aconteceu
o 27 de outubro pasado no Liceo de Ourense cando falou dun libro de
Arturo Reguera. Foi empezar a falar e quedar un servidor cos fociños
dunha cuarta, coma un pan, totalmente abraiado ante a labia e o saber
desta eminencia das letras galegas e castelás. Empezou a contar
anécdotas, principalmente políticas, e facíao con tanta paixón
que ninguén dos que estabamos presentes na presentación do libro
foi quen de cerrar por un instante o sorriso que se nos abrira tan
axiña como empezara a falar. Repito: sabía e coñecía moito da súa
escritura, pero non imaxinaba eu a súa locuacidade, a súa oratoria.
Logo,
para canto máis aínda, vai e solta que, a pesar de nacer en Vigo,
el sentíase, queríalle unha barbaridade a Ventosela (Ribadavia),
porque de alí eran os seus pais e alí pasou parte da súa nenez. E
xa se sabe que onde estea a infancia... Digo que ó soltar o de
Ventosela, o meu sorriso ensanchouse aínda máis... veciños!,
exclamei para os meus adentros (estou casado cunha excelsitude señora
de Castrelo de Miño). Deberiades de saber que, para un servidor, a
veciñanza é un estamento moi sagrado; polo que, tantos a favor para
acabar de rematar a miña bendita relación e admiración por don
Xesús Alonso Montero.
Como
o libro de Arturo Reguera versaba sobre o encoro de Castrelo de Miño,
máis en concreto, sobre as protestas políticas e culturais, aí don
Xesús estaba no seu mundo. Aínda que non o escribira el, deume a
entender que sabía todo iso e moito máis do que se contaba no
mesmo. Empezou a contar e a narrar anécdotas de tal maneira que,
sinceramente, estabas esperando que a súa "pequena conferencia"
non tivese fin. A pena foi que a tivo. Pero tamén souben desde aquel
momento que non quedaba outra que renderlle unha pequena e sinxela
homenaxe por eses poucos minutos de éxtase. Niso estamos.
Ensaísta,
sociolingüista, poeta e conferenciante, catedrático de Literatura
galega e membro da Real Academia Galega e do Consello da Cultura
Galega. E filólogo. E crítico literario. E militante do Partido
Comunista desde 1962. E, ante todo, profesor durante máis de 40 anos
en primaria, secundaria, a escola de maxisterio e a universidade.
Todo un erudito literario e cultural! E iso que di que Telecinco
"educa máis que as 55 facultades de Letras que hai en España",
no sentido, por suposto, de "conducir polo mal camiño, que
dirían os curas". Si, señor, moi sabia a súa opinión.
A
segunda parte da Guerra Civil pasouna en Ventosela, onde semella que
ó ler El
Quijote
á luz dun candil forxou a súa inquietude literaria. Confesa que no
seu porvir non estaban os estudos porque os seus pais querían que
traballase nas viñas, pero ante o erro nun diagnóstico de sopro ó
corazón, os proxenitores seica se puxeron a razoar o porvir de Xuso
(como así lle chamaban): Que facemos con el?, preguntou a nai. E o
pai, como se adoita contestar cando a sinceridade non ten volta de
folla, soltou aquilo de: "se non vale para nada, que estude".
Sinceramente, bendito falso diagnóstico do sopro ó corazón!
Confésase
anticapitalista total. E hoxe máis ca nunca. Porque todo o que está
sucedendo no mundo é pola cobiza e voracidade do capitalismo. E pon
de exemplo o terrorismo yihadista, "que provén dos países nos
que puxo as súas fauces o capitalismo porque non quixo renunciar ó
petróleo. Dicían que era para levar a democracia". Xa. O que
pensamos a gran maioría.
Falar
de Xesús Alonso Montero sería o conto de nunca acabar. Pero o que
si acaba é este espazo. Así é que a mellor recomendación para
remitirvos a este erudito é a lectura dos seus libros. Neles, sigo
pensando, é onde quizais se coñeza mellor a unha persoa. El, aínda
hoxe, é todo un crack. E con case 89 anos. Saúde, don Xesús!
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 2 de febreiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 17-03-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario