Ó
mellor pode parecer fácil
que un médico escriba novelas versadas sobre a medicina, un avogado
desenvolva o tema de xulgados ou un policía use o fondo ou o
transfondo dun thriller ou novela negra. Pode parecer fácil, pero
non o é. Todo precisa dunha linguaxe, dun estilo, dun ritmo, dunha
trama que ten que ir máis alá dos simples coñecementos que se
teñan sobre esas actividades ou sobre eses traballos. É certo que a
experiencia en tal ou cal emprego axuda; pero así calquera veterano
valería para escribir unha ducia de novelas. E non valemos calquera.
Fernando
Hernández González si vale. A maiores da experiencia como policía
local do concello do Barco de Valdeorras (leva máis de 20 anos alá),
soubo darlle ritmo a unha novela de intriga que se apodera páxina a
páxina do lector. “Juguetes de lo desconocido” é unha novela
negra que nos fai reflexionar sobre o poder do destino para
transformar as nosas vidas. Nela contrastan a luminosidade, que está
representada polo protagonista, e a escuridade, que, como non,
encárnaa o malo, o peor do ser humano, que sabemos que é moito, que
todos temos ese demo que levamos dentro.
Fernando
Hernández ten outro valor engadido ó da escritura da novela: o da
súa publicación. Agora está contento, pero tal como me contou,
necesitou valor, Deus e axuda para ver impresa e publicada “Juguetes
de lo desconocido”. Semella que o deixou esgotado. Por iso conta
que as únicas “sorpresas negativas” protagonizáronas os voitres
que se atopan no mundo editorial en forma de falsos editores e que se
aproveitan de escritores noveles, deses pobres escritores que o único
que desexan é dar a coñecer os seus traballos e os seus
coñecementos. Claro que estes representan á cultura, mentres que os
voitres só van detrás da carnaza, do negocio. E enganan a “Cristo
y Dios padre”.
Ó
autor non lle quedou outra que autopublicarse, darse a coñecer
percorrendo libraría tras libraría, espazo tras espazo, vila tras
vila, polo que confesa, e con razón, que é unha tarefa dura, moi
dura. Non é un prato de gusto ir de porta en porta, practicamente
mendigando. Arríscaste a recibir contestacións que ata poden partir
a alma, ata poden botar por terra as túas ansias de escribir.
Incluso che poden romper o nariz coas portas.
Parece
que non foi o caso da libraría Eixo da nosa cidade, que llas abriu
de par en par fixo xa un ano, o 14 de xaneiro do 2016. Alí a
presentou ante unha ducia de fieis lectores e debullou un pouco as
400 páxinas das que consta “Juguetes de lo desconocido”.
Dividida en tres partes, na que, na primeira, preséntanos ó
protagonista, un policía ourensán cun abaneo na súa vida persoal
que o leva da perfección á esgazadura por culpa dun terrible suceso
familiar. A segunda parte da trama corresponde cunha viaxe polos
delirios sanguinarios dun psicópata con sede de posesión e sangue
que o levan a terras galegas onde os avatares do destino fan que os
dous protagonistas coincidan. No último terzo, o duelo psicolóxico
entre ambos, ese choque entre o ben e o mal, a luz e a escuridade,
pode ter consecuencias mortais para unha estudante monfortina da USC
e para eles mesmos. Como se ve, a trama engancha.
A
narración que buliu na cabeza do policía barquense ten numerosos
escenarios, entre os que figuran Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra,
así como Ourense e incluso outras localidades de fóra de Galicia. O
espazo temporal vai desde finais do século pasado ata unha época
futura. Fernando Hernández confesa que lle deu traballo, pero aínda
así seica xa está enfrascado noutra novela.
O
autor, como dicía ó principio, leva xa 20 anos de policía local no
Barco, pero nacer naceu e vive en Monforte de Lemos vai para 48 anos,
cúmpreos agora no mes de marzo. Casado e con dous fillos. Estudou,
por suposto, en Monforte e uns aniños na Carballeira, aquí en
Ourense. Despois xa se graduou en Ciencias Criminolóxicas na
Universidade de Santiago e tamén acadou o grao de Criminoloxía na
UNIR, ou o que é o mesmo, a Universidade da Rioxa. De neno case foi
coma todos con respecto ás afeccións deportivas: fútbol e
baloncesto. O case ese débese ó tenis, polo que sente unha
verdadeira paixón.
O
escritor monfortino ou o novelista barquense confesa que non é un
devorador de libros, que le o esencial, pero si quere que o del o lea
todo o mundo. Normal. E eu bótolle un cable dicindo que si merece a
pena lelo, que moito ánimo co novo, que seguro que superará a
“Juguetes de lo desconocido”, e que para a próxima xa lle
abrirán as portas carrais a maioría das librarías.
Café
Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 7 de febreiro de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 24-03-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario