lunes, 22 de junio de 2020

A CULPA É DA SUOR

Baixa a suor polas costas ás nove e media da noite. O día estivo de campionato. Semellaba lume. Estamos en Ourense. Onte aínda nos queixabamos do frío. Hoxe xa oín que, en Ourense, non había termo medio; ou frío ou calor. Iso é unha esaxeración. En Ourense pasa coma en todos os lados: bo, malo e regular; máis, menos e igual; arriba, abaixo e no medio; alto, baixo e mediano. Si, tamén moitas veces non sabemos ou nos dá igual. Somos galegos, carallo! Nin subimos nin baixamos; plantámonos no medio da escaleira e a ver quen nos rosma. Ademais, a quen lle importa o que fagamos! Eu no medio da escaleira ata podo escoitar a suite instrumental que John Barry compuxo para a película “Unha proposición indecente”, e se me apetece deixo que outros veciños a escoiten ou tamén podo quedar coa ollada melancólica pensando na morte da burra.

A calor é verdade que nos fai dicir cousas que temos escondidas para soltalas, máis adiante, incluso cunha certa esaxeración. Sempre defendín que de cando en vez é bonito esaxerar. Para remexer o galiñeiro. Para darlle empaque, por exemplo, a Ourense; aquí ou nos chamuscamos ou nos conxelamos. Algo que é mentira, por suposto. Aquí coma en todos os lados: das dúas pásase ás tres e a noite dálle paso á madrugada. Baixo o mesmo tema musical, miro ó espello abafado e non consigo distinguir a figura que se intúe. Maldito espello!; coas ganiñas que teño de contemplar a fermosura da nostalxia. A culpa é da suor, que abafou de máis o espello.


Finca Fierro. Luns, 22 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario