martes, 23 de junio de 2020

CAE A CANÍCULA

Cae a canícula na véspera de San Xoán e Dooley Wilson deixa escapar ese “As Time Goes Bye”, esa canción fetiche da mítica “Casablanca”. Cae a canícula de tal maneira que ata é un crime saír a estas horas á rúa, ou sexa, ás tres e vinte e cinco da tarde. Si, haberá que esperar polo menos ata as seis para o típico cafeciño e para a lectura dalgún outro xornal. Este, no que escribo, xa o lin a iso da media mañá. Pero aínda que caia a canícula, a música de Gato Barbieri refresca un pouco os sentidos. Aínda que caia a canícula, esta non é quen de prohibirlle ós pensamentos que bulen e furguen por entras as sombras da ledicia. Porque hai momentos na vida que nin un cravo ardendo é quen de impedir os soños, as ilusións, as ansias.

Cae a canícula ás tres e media da tarde mentres Alanis Morissette deixa caer un “My Humps” que, quéirase que non, chega con tal ritmo melancólico, que non queda outra que poñerse en situación de quedar coa ollada perdida e deixar pasar o tempo. Hai temas que te lanzan a unha melancolía sen cuartel. Tamén é certo que outros estás desexando que rematen. Como esta canícula que funde a un na nugalla máis impresionante. Claro que esta nugalla vén a salvala João Gilberto con “Wave”. De todos é sabido que a música salva o que non se pode salvar. Coma os soños. Coma o reflexo nun espello. Coma as cores da arco da vella. Coma ese sorriso que resplandece por todo o universo. Cae a canícula nesta véspera de San Xoán e non queda outra que aguantar. Ou acubillarse á sombra dun sentimento. Non está mal.


Finca Fierro. Martes, 23 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario