martes, 30 de junio de 2020

NO NIÑO DO SENTIMENTALISMO

Quere a rula emprender o voo cara á un mañá afastado, pero tenlle medo ó vento con refachos. Queda entón quietiña no niño da súa conciencia. O vento funga e furga por entre os piñeirais do Medo. E polos carreiros dos tempos pasados vai o silencio subido a uns instantes que non teñen desperdicio. Quen máis quen menos quere deitar no niño do sentimentalismo. Aínda que este non está ó alcance de calquera. Queda o amor estancado no alto dun palleiro e sempre haberá pegas que intenten escarallar o momento. No horizonte escóitase un berro, moi semellante a un ouleo. A rula alza entón o voo e plana coa parsimonia dunha aventura por entre as matogueiras dos Currás.

Axiña atopa ó pombo que a contempla. Sabe que este non lle perderá ollo. Ata os pombos teñen miradas que os delatan. O seu espreme o seu intelecto cada vez que ela lle roza só que sexa cunha á. Como non lle importa, incluso como lle gusta, a rula ronda de galla en galla para que ó pombo lle caia a baba. Ó pombo cáelle a baba. Nun arrouto de esperanza tamén este emprende o voo e dedícase a facer arabescos por se aquel. Por se cae a bicoca para a súa vida. E sobe e sobe e sobe para lanzarse en picado entre as ás dun soño, do seu soño. A rula non aparta e deixa que o pombo se acubille á súa beira. É bonito formar parella. O vento con refachos segue abaneando as gallas, pero hai amores que enganchan. Deixan que pase o tempo en silencio e outean o horizonte entre saloucos e anhelos. O pombo mira para a rula. A rula contempla ó pombo e para a historia queda este conto.


Finca Fierro. Martes, 30 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario