martes, 9 de junio de 2020

POLAS CATRO E ALGO DA TARDE

Catro en punto da tarde. Fóra hai sol. Pola mañá fun a Vigo e lembro que cando vin o letreiro de que entraba na provincia de Pontevedra, souben que entraba definitivamente na Fase 3. Porque, ata agora, as fases a min, sinceramente, non me supuxeron un gran inconveniente, ningunha desvantaxe. Xa levo tempo facendo a miña vida máis ou menos como a facía antes. Si, noto o uso da mascariña, pero... estaba acostumado á de sulfatar. De algo ten que valer a experiencia en algo. Catro e tres minutos. Vou escoitar un tema musical. Ó mesmo tempo podo dicir que os de Ourense somos uns máquinas. Resulta que hoxe mesmo informaba este xornal de que ganaramos habitantes no último semestre por primeira vez en 13 anos.

Pois xa veredes dentro de seis meses!, entre os seis meses e os nove. Porque, a ver, tres meses de confinamento dan para actuar e gozar. As estatísticas dos próximos semestres van deixar atrás o pico do Covid-19. Imos bater récords á esgalla. Haberá nenos a darlle cun sacho. Barbadás que empece a loitar de novo xa para a construción dun instituto. Catro e dez da tarde. Outro tema musical. O sol segue nas mesmas. Meteogalicia acaba de mandarme o tempo climatolóxico dos próximos días. Bótolle unha ollada e que vexo... mañá sol, pero pasado mañá e ó día seguinte chuvia pola tarde e pola noite. Sabedes?, que mentres non faga dano, benvida sexa. Catro e vinte da tarde. Hai que empezar a rematar con todo un clásico de jazz: “A Love Supreme”, de John Coltrane. Que mellor despedida! E con sol...


Finca Fierro. Martes, 9 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario