jueves, 11 de junio de 2020

UNHA BÁGOA E DOUS SORRISOS

A tarde asoma gris coma unha tristura infantil. Non sei eu se a tristeza ten idade. Imaxino que non. É igual; a tristeza é un instante no que a vida, por exemplo, nos dá un pau. Pero como o tempo pasa e todo cambia, como a vida non se detén, hai que asumir a dor e tirar cara á adiante. Porque a vida, aínda cos seus atrancos -que os ten, e moitos- é fermosa. Xa se sabe aquilo de “a vida é unha bágoa e dous sorrisos”. A bágoa caeu, así é que tocan os sorrisos. Porque cun sorriso cicatrizan as feridas. Con dous sorrisos cicatrizan as cicatrices. É certo que hai feridas que non cicatrizan nunca. As que temos por dentro. Pero paso a paso, rumbo a rumbo, pouco a pouco, salto a salto deixamos atrás os atrancos.

E agora que non veña esta tarde gris a amolarnos a festa. A min non ma amolará. Porque penso ignorala. E a ignorancia é un dos peores insultos que pode haber. Ou o peor. Emporiso, a tristeza non se pode ignorar tan facilmente. A tristeza ou a rumías ou a descargas nun ombreiro amigo. A tristeza que se remoe quizais lle faga aínda máis dano á ferida, mentres que a que descargas é como unha liberación, como un estoupido que se expande, que se espalla, que se desfai. E xa desfeita, a ilusión, a alegría, as ansias, a vida xorde ou aflora de novo para berrar ben forte que hai que seguir andando o camiño. A vida é unha bágoa e dous sorrisos. Derramada a bágoa que bailen agora os sorrisos sobre o arco da vella da esperanza. Porque sempre haberá sorrisos que brillen máis alá das treboadas. E dos tormentos.


Finca Fierro. Xoves, 11 de xuño de 2020

No hay comentarios:

Publicar un comentario